Sustentabilidade ambiental

Reducir o impacto ambiental da nosa actividade diaria é un dos nosos compromisos estratéxicos. En Integra CEE, levamos a cabo accións encamiñadas a acadar unha maior eficiencia enerxética, a aplicación de tecnoloxías limpas, o impulso da mobilidade sustentable e o uso eficiente dos recursos, entre outros impulsores do cambio neste eido.

Contamos cun Plan de descarbonización que establece medidas concretas para reducir e neutralizar as nosas emisións de CO2 á atmosfera e fixa obxectivos a medio e longo prazo en tres alcances:

  • Alcance 1: emisións directas polo consumo de combustibles.
  • Alcance 2: emisións indirectas procedentes da enerxía mercada ou adquirida.
  • Alcance 3: resto das emisións indirectas xeradas na cadea de valor da compañía.

De cara ao futuro, a compañía comprométese a ser neutra en 2045 en materia de mitigación do cambio climático, implementando, en primeiro lugar, medidas de redución de emisións e, en segundo lugar, neutralizando as emisións resultantes.

Integra CEE conta co certificado de Pegada de Carbono verificado por AENOR, ademais de estar inscrita no Rexistro de pegada de carbono, compensación e proxectos de absorción de dióxido de carbono do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), que recoñece o noso esforzo por calcular e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) que xera a nosa actividade.

Dispomos do selo Cálculo + Reduzo, outorgado a aquelas organizacións que, logo de medir e calcular a súa pegada de carbono durante varios anos consecutivos, amosan unha tendencia real e efectiva na redución de emisións, reforzando así a súa aposta pola descarbonización.

Este compromiso reflíctese tamén no feito de posuírmos a medalla de ouro en sustentabilidade de EcoVadis, un distintivo que recoñece os logros e esforzos da nosa compañía por mellorarmos os nosos resultados ambientais, sociais e éticos.

ECONOMÍA CIRCULAR

Impulsamos unha nova economía baseada no principio da análise do ciclo de vida (ACV) de produtos, servizos, refugallos, materiais, auga e enerxía. Para tal, consideramos solucións xa consolidadas, como o ecodeseño e a prevención da contaminación, xunto con outros recursos emerxentes.

Neste sentido, contamos coa etiqueta ecolóxica europea (EEE) pola prestación de servizos de limpeza cun impacto ambiental reducido ao longo do ciclo de vida na nosa delegación das Illas Baleares e nas instalacións do IDM Fontanar de Córdoba.

CONSUMO RESPONSABLE

En Integra CE, favorecemos o consumo responsable para optimizar o uso dos recursos naturais e reducir as emisións de CO2. Rexémonos por unha política de aforro e eficiencia enerxética, ademais de promovermos as compras sustentables e a valorización do 80 % dos nosos residuos.

O noso sistema de xestión enerxética conta coa certificación ISO 50001. Con el levamos a cabo iniciativas concretas que aplicamos en todos os ámbitos da nosa actividade:

  • Renovación da frota con vehículos máis sustentables (eléctricos, híbridos etc.)
  • Compra de enerxía renovable
  • Instalación de iluminación tipo led no interior das oficinas
  • Programación de acendido e apagado automático das luces
  • Regulación fixa dos sistemas de climatización
  • Formación continua en concienciación ambiental