Sustentabilidade social

Promover a inclusión sociolaboral e a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade: esta é a misión principal de Integra CEE dende a súa creación en 2001.

Somos unha compañía con vocación social, que responde a un modelo de xestión centrado nas persoas e a unha cultura corporativa que vai alén das nosas obrigas como empresa, e que ten a sustentabilidade social como eixo angular.

Como Centro Especial de Emprego onde máis do 90 % do noso persoal son persoas con discapacidade, en Integra CEE cremos firmemente na importancia de avanzar no desenvolvemento sustentable para acadar un mundo máis diverso, xusto e libre de prexuízos.

Neste sentido, consideramos o acceso ao emprego como a mellor ferramenta de inclusión, capaz de proporcionar autonomía persoal e económica e unha maior proxección profesional a todas as persoas con discapacidade.

A nosa Unidade de Apoio á Actividade Profesional (UAAP) é o expoñente máximo deste modelo de inclusión sociolaboral. Máis de 80 profesionais da área social (Psicoloxía, Traballo Social, Educación Social e Pedagoxía) compoñen este equipo interdisciplinar encargado de apoiar a incorporación, o mantemento e a progresión laboral do persoal, segundo as necesidades específicas de cada persoa e posto, xerando calidade e valor engadido á estratexia empresarial.

TRABALLO EN REDE

Colaboramos con máis de 300 entidades sociais de toda España, coas que traballamos de maneira conxunta na intermediación laboral de persoas con discapacidade. Este labor é fundamental non só para a derivación e selección de perfís profesionais, senón tamén para coñecer de primeira man a contorna onde estas organizacións desenvolven a súa actividade. Deste xeito, conversas, obradoiros e xornadas serven de punto de encontro para afianzar os lazos de unión co terceiro sector.

IGUALDADE

En Integra CEE aplicamos políticas para garantir a igualdade efectiva entre mulleres e homes no seo da compañía. Ano tras ano, fomentamos entre o noso persoal a corresponsabilidade e a concienciación nesta materia con accións formativas e campañas de sensibilización.

Ademais, traballamos pola inclusión sociolaboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, apoiando o seu día a día con asesoramento sobre dereitos laborais e con medidas e axudas específicas recollidas no noso Plan de igualdade.